martes, 24 de setembro de 2024

GRACIAS POR VISITARNOS

Encadrado dentro do programa da XLII Festa da Pataca de Coristanco (A Coruña), os días 14 e 15 de setembro estivo aberta ao público a exposición Gaseosas de Galicia.

Dende Gaseosas de Galicia queremos dar as gracias a todas aquelas persoas que se achegaron a visitar a mostra.

A xornada do sábado destacou pola visita de veciños e amigos ademais da visita institucional encabezada polo Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, tendo como anfitrión o Alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose.

Comitiva visita institucional

Na comitiva tamén estaba o deputado Rubén Lorenzo, o Alcalde de Malpica de Bergantiños Eduardo Parga, o director do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa Luís García e o director de Bonilla a la Vista Fernando Bonilla entre outros.

Tanto o Conselleiro como os seus acompañantes amosaron grande interese pola exposición e percorreron esta na súa totalidade.

Na xornada do domingo, día grande da festa, visitáronnos dende o mesmo momento da apertura gran número de persoas chegadas de moitos lugares. Ata tivemos a sorte de ter a presenza dunha familia de orixe francesa que foi guiada na súa lingua natal polo colaborador Lois Villar.  

Curuncho adicado á Festa da Pataca no interior da exposición

Foi tal a afluencia de xente que nas dúas xornadas tivemos que ampliar horarios para tentar atender a demanda de visitantes.

Moitas gracias pola boa acollida da exposición e polo interese amosado cara o mundo da burbulla.





martes, 10 de setembro de 2024

GASEOSAS DE GALICIA NA FESTA DA PATACA

Os vindeiros días 14 e 15 de setembro celebarase a XLII edición da Festa da Pataca no Concello de Coristanco (A Coruña).

Dentro dos actos culturais organizados, Gaseosas de Galicia participará abrindo as portas da exposición de envases e outros obxectos relacionados co mundo da burbulla.

Todas aquelas persoas interesadas están convidadas a visitar a exposición na rúa da Charrúa, 26 (ao fronte da Tasca A Pataca pola rúa Charrúa) os días 14 e 15 en horario de 11 a 14 horas.

Dende Gaseosas de Galicia estaremos encantados de recibirvos e esperamos que poidades desfrutar da exposición.