mércores, 1 de marzo de 2023

ENTREVISTA RADIO FENE - TEMPO DE GASEOSAS

La Esperanza, Calviño e Servia. Tres marcas de gaseosas que se facían en distintos lugares de Fene. Tamén en Ferrol, Mugardos, Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira houbo fábricas de gaseosas, algunha tan coñecida e duradeira como Los 15 Hermanos. A historia das fábricas de gaseosas da provincia recóllese en “Apuntes sobre a gaseosa na provincia da Coruña”, un libro que acaba de saír do prelo. Publicouno a Deputación da Coruña. En Radio Fene falamos co seu autor, Juan Carlos Villar Angeriz, que tamén preside a Asociación Gaseosas de Galicia.

ESCOITA O PODCAST:

http://173.255.131.18/audio/010323VILLAR.mp3

 

“En Galicia xa se facía gaseosa negra antes de que chegara a España a Coca Cola, facíaa en Mugardos o señor Zárate”, pero non tivo éxito. Segundo lle contou a Juan Carlos Villar un descendente deste pioneiro mugardés, a clientela rexeitaba esta innovación “dicían non nos dea auga das pozas, non era atractiva pola súa cor e non tivera ningún éxito”. O autor ten en Coristanco unha gran colección de envases e materiais relacionados coa fabricación de gaseosas na provincia da Coruña, que chegou ser un negocio importante en Galicia. “Na comarca de Ferrol houbo moitas fábricas, Los 15 Hermanos é unha das míticas, co seu famoso logo dos monequiños, fundouna nos anos 30 unha familia de gaseoseros moi ligada a comarca, aínda que houbo outras. Case en cada concello houbo unha fábrica. Houbo moitas na comarca de Ferrol”. Facer gaseosa chegou a ser un negocio importante. “Nos concellos máis pequeniños viviron moi ben e nos maiores creáronse empresas grandes que deron emprego. En Carballo chegou a haber cinco fábricas no seu momento”. A gaseosa lémbrase como bebida popular, pero non sempre foi así. “As primeiras datan de finais do século XIX. Eran formatos máis cativos, unha moda importada de París e Londres, para a burguesía que a consumía cando saían pasear, nos quioscos dos parques e nos grandes cafés que había nas capitais. Nese momento non era accesible a todo o mundo, era un luxo só para as clases máis podentes, que tamén a consumían para axudar a facer as dixestións”. “Apuntes sobre a gaseosa na provincia da Coruña”. A nosa historia, desde o século XIX ata a década dos 80, retratada a través desta popular bebida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario